quarta-feira, 4 de janeiro de 2012

Os nenos...



...constitúen un dos principais obxectivos do sistema educativo vixente, basicamente porque son eles os inminentes protagonistas globais, os recursos humanos que terán que sustentar e perpetuar, ca súa man de obra e os seus coñecementos especializados, un modelo económico que xa nos vén dado, sen posibilidade de cuestionamentos, centrado no máximo rendemento produtivo, aínda que isto supoña unha alienación do individuo a nivel laboral, político, cultural, económico, educativo, ético, moral, cívico ou social. O primordial para este entramado do capital é formar individuos que poidan facer avanzar o Estado no marco da eficiencia económica e da acumulación de riqueza (non así da distribución da mesma), sen atender a valores democráticos, condutas tolerantes e convivencias pacíficas e respectuosas.

Podemos remontarnos ó ano 1923 para remarcar a importancia da educación infantil. Foi entón cando xurdiu a primeira Declaración dos Dereitos dos Nenos na que figuraba a educación como un tema clave. Pero non foi ata a elaboración da Declaración Universal dos Dereitos Humanos (1948), cando o tema comezou a callar, principalmente, nas institucións gobernamentais e, máis tarde, nas masas sociais. Así, a Declaración  Universal dos Dereitos Humanos proclamaba unha educación obrigatoria, gratuíta e de calidade, sen ningún tipo de exclusión por razón de sexo, cor, clase social... A inclusión deste dereito nos textos legais estatais e a implantación práctica do mesmo, configurou o actual sistema educativo.

Sen embargo, cando falamos da educación formal regulada institucionalmente, nos tempos que corren, sempre esquecemos os anos da primeira infancia. Aqueles que, a pesares de a educación non ser obrigatoria, se corresponden cunha das máis importantes etapas do proceso educativo. É a base a partires da cal o infante irá medrando nun ou noutro camiño. 

Este, a primeira infancia, é o único período que hoxe en día lle é concedido, con exclusividade, á familia. A evolución do sistema educativo institucionalizado foi apartando cada vez máis á familia, aínda sendo este un dos axentes educativos máis relevantes, da formación dos seus fillos. Atopámonos, pois, cunha educación pensada para que os discentes, no seu transcorrer formativo, precisen cada vez menos a axuda, a perspectiva e as sabencias parentais, chegando incluso a infravaloralas nesa comparativa ca educación estandarizada das institucións educativas, que os convencen de que lle ofrecen o único coñecemento válido.

Estamos, como podemos ver, nun momento histórico no que as familias traballadoras, encaixonadas nun modelo capitalista e de consumo que as oprime, se ven orbrigadas a perder, tamén, este pequeno espazo que  lle foi concedido, deixando ós seus fillos nas mans de persoas que non coñecen (garderías, parentes, veciños, coidadores profesionais...), que posiblemente non teñan os mesmos valores, as mesmas pretensións nin as mesmas preocupacións. Xente que educará ó seu xeito, pragando ós pequenos de estereotipos, prexuízos e hábitos aínda vivos na sociedade e tamén nas institucións, que se fortalecerán nas póstumas fases educativas.

A primeira infancia é a etapa na que se crean os máis fortes lazos parentais, onde o infante adquire unha base de saberes e valores, onde aprende a priorizar, onde comeza a asimilar un código ético-moral e, porque non dicilo, político, aínda que non sexa conscientemente, a partir dos cales se desenvolverá a súa persoa.

Esta é a proclama que defende a Fundación galega Preescolar na Casa, constituída no 1977, a cal desenvolve unha importante labor no eido da educación non formal, favorecendo a creación de espazos educativos alternativos, centrándose na educación emocional, na redución das discriminacións sociais, na defensa da cultura e lingua propias, etc.; e todo isto partindo do reforzo da competencia educativa familiar. Porque nun mundo globalizado coma o actual, a defensa das personalidades individuais, a propagación das educacións personificadas, e o reforzo e desenvolvemento das intelixencias múltiples, pasan por unha recuperación da familia como axente educativo.

(Vídeo)


2 comentários:

  1. Moi interesante! Preescolar na casa estivo (moito máis do que está, de feito xa pensara que se extinguira!) moi presente no rural, participando dun xeito moi relevante para a comunicación entre as familias do entorno que establecía lazos moi importantes ( e perdurables) entres as nais do lugar e os cativos. Como din no video, realmente Preescolar na Casa vertebraba Galiza a traves destas relacións. Obrigada, por achegarnos estas reflexións. A seguir co Blogue!!

    Fago notar para correxir: Os últimos dous destaques non están vinculados, non son enlaces, precisei copiar e pegar o enlace da crtvg.

    ResponderEliminar
  2. O certo é que Preescolar na Casa cumpriu un rol fundamental no rural galego, xustamente polo reforzamento desa unión non só intrafamiliar senón tamén interfamiliar, a cal levaba consigo a construción duns lazos comunitarios, de cooperación e solidariedade, moito máis fortes.

    Alégrome que desfrutases desta breve aportación.
    E moi agradecida polas correccións e, máis especialmente, polos azos de continuidade.

    ResponderEliminar