A ética e a moral
sempre levan as de perder ante o poder, especialmente perden cando se enfrontan
ó poder político e ó poder económico. Imaxinemos, por un momento, o ámbito
político e o económico aliados para loitar contra un mesmo obxectivo, a moral. Non
é necesario ter unha gran imaxinación, irremediablemente, como podemos ver no
día a día, a moral sucumbe.
Ignorada a moral,
tamén os dereitos humanos universais caen no esquecemento e son excluídos dun
dos medios de difusión e asimilación máis perigosos, a educación.
O certo é que non
interesa crear individuos autocríticos, reflexivos e indepentes que desexen
participar activamente na construción da súa propia sociedade. Así, a día de
hoxe, podemos atoparnos con nenos que non coñecen os seus dereitos como nenos,
con discentes que non coñecen os seus dereitos como educandos, con cidadáns que
non coñecen os seus dereitos como humanos, como persoas, como cidadáns
constituíntes dun entramado político e social complexo. Topamos cunha sociedade
que se afasta dos principios básicos para o entendemento e a convivencia
pacífica intra e intercultural. Os seres humanos abandonan a súa esencia de
seres sociais para conformarse como un elemento inerte e pasivo na sociedade, obedecendo
e someténdose.
Sabemos que o
futuro camiña da man da educación. A cuestión é ¿que futuro queremos? A
marxinación dos Dereitos Humanos no actual sistema educativo, non só na súa
vertente teórica senón na práctica cotiá, só serve para distanciarnos e
diferenciarnos, para separar á sociedade global. Estamos desenvolvendo unha
educación creadora de desigualdades e conflitos.
A Declaración Universal dos Dereitos
Humanos versa no seu artigo 26:
Mais séguese
adoutrinando na crítica e destrución do alleo, do diferente, sen potenciar a capacidade
de autocrítica nin de creación de novas alternativas.
De todos é sabida a
importancia que os dereitos humanos teñen para o desenvolvemento dos pobos,
para o desenvolvemento dos individuos, para o crecemento global a nivel de
igualdade, paz e solidariedade, para a construción dun mundo igualitario e
xusto. E, sen embargo, os autoproclamados Estados Democráticos e de Dereito
afástanos do eido educativo.
Urxe a construción dunha
sociedade máis próxima e unida, unha sociedade sen fronteiras culturais, unha
sociedade realmente internacional. Máis nun mundo no que o sistema educativo está
corrompido polos intereses da clase que rexenta o poder.
Sem comentários:
Enviar um comentário