A crise fíxose co mundo. Todos caeron na arañeira. O eido educacional non foi excepción.
As institucións educativas formais veñen arrastrando unha heteroxeneización social baixo uns principios e valores cos que non todos nos identificamos.
Nun intento por vivir nunha sociedade onde o pluralismo político, cultural e ideolóxico sexan respectados, rebelándonos contra o dominio absoluto da educación formal, avanzaremos cara a novas formas. Nós mesmos debemos construírnos alén da educación formal.
Moi contadas veces batín con alguén que desfrutase
desas longas, cansas, irritantes e mesmo angustiosas xornadas buscando
obrigados presentes para o día especial dun parente próximo, lonxano, dun amigo
ou incluso dun coñecido.
Moi contadas veces batín con alguén que soubese de
antemán que mercar nin en que lugar. É así como nos imos convertendo en
vagabundos e vagamundos dos escaparates e, no mellor dos casos, das rúas e da
xente que pasa ó noso carón, da xente que cruza os nosos camiños, quen sabe se
na mesma busca.
Agora ben, se o afortunado é un dos pequenos
consumidores das novas tecnoloxías, e digo pequenos pola idade e a altura e non
tanto polo pouco que consuman, o noso misto comeza a arder. ¿Que precisan? ?¿de
que carecen? Pois non creo que sexa moi arriscado dicir que entre as horas que
adican ó televisor, as que gastan cara o ordenador, outras tantas que invirten
nos videoxogos e a que botan deitados no sofá experimentado co teléfono móbil,
o ipod y toda la vaina, un libro é un regalo perfecto para aprenderlles a soñar
a través das palabras e das imaxes. E, sobre todo, un libro é o regalo propio
para sorprendelos, pois de certo que nunca contarían con recibir tal.
Unha vez tomada a decisión atopámonos con outro
novo obstáculo. ¿Que lectura será a axeitada? Tendo en conta que falamos dunha xeración
desacostumada do hábito da lectura, de certo que pensaremos que o mellor será
mercarlle unha lectura con recomendación para uns catro anos menos dos que o
afectado teña. É dicir, pensaremos máis en facilitarlle unha vez máis o
traballo e non en crearlle un interese pola lectura.
Foi así, como revisando estantes e estantes de
libros en busca do simple, do comprensible, do facilón, deron os meus ollos co
axeitado. Doulle a volta e miro a sinopse: “
Rebordechao é unha aldea que queda alá por... chegando a... O certo é que non é
doado atopar Rebordechao, nen sequera aínda que a busques. Neste lugar perdido
vive Tonecho, o neno máis bo e máis guapo, o mellor de todos, porque en
Rebordechao non quedan máis nenos ca el”.
Tonecho de Rebordechao, creado por Breogán
Riveiro, comezou a vírseme á cabeza con diversas caras, diferentes idades,
distintos sexos e variopintas nacionalidades. O mundo está inzado de Tonechos
de Rebordechao nos tempos que corren. O abandono do rural, o aínda abundante
exilio ás cidades, rompe cos modos de crianza libres, destros e solidarios das
comunidades rurais e, por riba, non se rexenera nas cidades. Polo que se pode
dicir que estamos a romper, co abandono do rural, un modo de vida comunitario,
de lazos de afectividade, un sentimento de responsabilidade social, axuda e
cooperación. Estamos crebando un modo alternativo de educación, un método que
podería ser hoxe facilmente reutilizado, se o mundo non estivese, claro, inzado
de Tonechos de Rebordechao.
Aínda cunha leve tristeza, cando das co agasallo
perfecto desfrutas, aínda que sexa por un pequeno momento, do pracer da
descuberta, para un mesmo e para aquel que recibirá o presente.
Adicado a tódolos Tonechos e Tonechas de
Rebordechao.
A ética e a moral
sempre levan as de perder ante o poder, especialmente perden cando se enfrontan
ó poder político e ó poder económico. Imaxinemos, por un momento, o ámbito
político e o económico aliados para loitar contra un mesmo obxectivo, a moral. Non
é necesario ter unha gran imaxinación, irremediablemente, como podemos ver no
día a día, a moral sucumbe.
Ignorada a moral,
tamén os dereitos humanos universais caen no esquecemento e son excluídos dun
dos medios de difusión e asimilación máis perigosos, a educación.
O certo é que non
interesa crear individuos autocríticos, reflexivos e indepentes que desexen
participar activamente na construción da súa propia sociedade. Así, a día de
hoxe, podemos atoparnos con nenos que non coñecen os seus dereitos como nenos,
con discentes que non coñecen os seus dereitos como educandos, con cidadáns que
non coñecen os seus dereitos como humanos, como persoas, como cidadáns
constituíntes dun entramado político e social complexo. Topamos cunha sociedade
que se afasta dos principios básicos para o entendemento e a convivencia
pacífica intra e intercultural. Os seres humanos abandonan a súa esencia de
seres sociais para conformarse como un elemento inerte e pasivo na sociedade, obedecendo
e someténdose.
Sabemos que o
futuro camiña da man da educación. A cuestión é ¿que futuro queremos? A
marxinación dos Dereitos Humanos no actual sistema educativo, non só na súa
vertente teórica senón na práctica cotiá, só serve para distanciarnos e
diferenciarnos, para separar á sociedade global. Estamos desenvolvendo unha
educación creadora de desigualdades e conflitos.
A Declaración Universal dos Dereitos
Humanos versa no seu artigo 26:
2.
A educación terá por obxecto o pleno desenvolvemento da personalidade
humana e o fortalecimiento do respecto ós dereitos humanos e ás liberdades
fundamentais; favorecerá a comprensión, a tolerancia e a amizade entre todas as
nacións e todos os grupos étnicos ou relixiosos, e promoverá o desenvolvemento
das actividades das Nacións Unidas para o
mantemento da paz.
Mais séguese
adoutrinando na crítica e destrución do alleo, do diferente, sen potenciar a capacidade
de autocrítica nin de creación de novas alternativas.
De todos é sabida a
importancia que os dereitos humanos teñen para o desenvolvemento dos pobos,
para o desenvolvemento dos individuos, para o crecemento global a nivel de
igualdade, paz e solidariedade, para a construción dun mundo igualitario e
xusto. E, sen embargo, os autoproclamados Estados Democráticos e de Dereito
afástanos do eido educativo.
Urxe a construción dunha
sociedade máis próxima e unida, unha sociedade sen fronteiras culturais, unha
sociedade realmente internacional. Máis nun mundo no que o sistema educativo está
corrompido polos intereses da clase que rexenta o poder.
Non hai que botar a
vista moito atrás. Aínda que non o vivimos por nós mesmos, vivímolo a través
das historias de vida dos demais. Historias de vida que pais, avós e veciños
contan desde que temos acordo. A quen non lle dixeron nalgunha ocasión: “se
queres ser algo na vida, tes que estudiar”.
Se queres ser algo na vida...; e é que eles, os que non puideron acceder a unha
educación oficial de calidade, aínda hoxe, a maioría vellos, mostran eses
anceios de aprender, e contan a súa historia en dous lances: tristeza e alegría.
Tristeza porque non puideron desfrutar dunha educación de calidade coma a das
clases máis ricas da sociedade, porque primaba o traballo ante a escola, porque
tiveron que sacrificar a súa aprendizaxe en beneficio de toda a familia, e isto
impediulles medrar persoalmente e avanzar cara a un futuro distinto. Mais tamén
alegría, pois contan cun gran orgullo; a pesares de non acudir á escola máis ca
contados días de inverno, aprenderon. Aprenderon as catro regras básicas, sumar,
restar, multiplicar e dividir, e aprenderon a ler e a escribir. Pero, sexamos
francos, aprenderon co seu empeño, co seu esforzo e co seu interese, aquel que
despois dun día de duro traballo animaba a un neno a camiñar só na noite para
recibir unhas leccións, para el maxistrais, da man dun mestre diferente ó da
escola, o que conformaba a chamada Escola de Ferrado.
Foi a Escola de
Ferrado un axente educativo moi importante no rural galego. Nunha sociedade
rural, marcada pola pobreza, onde as familias eran moi numerosas e o traballo
era moito, era preciso que todos, desde os máis novos ós máis vellos, botasen
unha man; era necesaria a colaboración de todos para poder resistir. As
consecuencias eran duras, pois supoñía prescindir da escolarización dos máis
pequenos impedindo, así, o seu desenvolvemento persoal e, á súa vez, o
desenvolvemento económico e social de toda a comunidade. A sociedade rural
convertíase, deste xeito, nun bucle de pobreza. Agora ben, que isto acontecese non
quere dicir que os individuos da comunidade non valorasen a importancia da
educación. É por isto que, pese á falta de recursos económicos, as familias
interesadas buscaban unha escola alternativa. Nace, así, a Escola de Ferrado.
A Escola de Ferrado
consistía nun sistema de ensino nacido no rural como parche ó absentismo
escolar, e á conseguinte carencia de alfabetización. As familias buscaban entre
os individuos da comunidade aquel que tiña unha mellor preparación, o que sería
o escolante. O escolante era un mestre non titulado que, cuns coñecementos
básicos, lle ofrecía ás familias do rural a posibilidade dunha aprendizaxe
fundamental para os máis pequenos a cambio, iso si, dun pago en especie, un ferrado de trigo,
centeo, millo ou calquera outro produto. Así, durante o inverno, cando o
traballo era menos, o escolante convertíase no educador das infancias da
comunidade.
Son dúas as dimensións
educativas que atendía a Escola de Ferrado. A primeira refírese ó ámbito
académico. O escolante encargábase de ensinarlle ós nenos aquelas cousas que
aprenderían na institución oficial. A segunda dimensión correspóndese co eido
social e cultural. Isto é, o escolante, un veciño da comunidade, da mesma
posición social, que vivía unha mesma realidade trasmitíalle ós alumnos unha
visión do mundo e, sobre todo, dun mundo que eles podían comprender. O mestre
de escola non lograba achegarse ó discente por moitos motivos, partindo do uso
dun idioma que lles era alleo, pasando pola distinción de estatus económico e
social, e a xerarquización da escola. Por outro lado, o escolante lograba
achegarse ós alumnos, habitualmente xa se coñecían de anteman, ademais, usaba o
idioma e o rexistro lingüístico no que se desenvolvía a comunidade e que todos
controlaban. Se ben, hai que deixar claro que esta vantaxe do escolante con
respecto ó docente institucional era algo cirscunstancial, de feito, a
aprendizaxe da lectura seguía a ser en castelán e os discentes seguían
asimilando, a través do escolante, ese odio polo propio e esa enarbolación de
España e o español.
Pese a isto, as
leccións do escolante convertíanse para os discentes nunha aprendizaxe non só
académica, nunha ensinanza onde os rapaces aprendían o que era a vida,
aprendían a desenvolverse nunha realidade feroz, e todo partindo da propia cultura que o escolante transmitía de xeración en xeración coma quen transmite
un conto. O que alí se construía era un bucle de retroalimentación cultural e
vital.
A Escola de Ferrado
dáballe ós máis desfavorecidos a posibilidade de aprender o necesario para
desenvolverse nun mundo en constante avance, nun mundo que camiñaba xa cara a
liña consumista e materialista na que hoxe nos atopamos. Sen embargo, dáballe,
tamén, a posibilidade do tempo, o tempo non escolástico, o tempo para aprender
da natureza, para aprender das xeracións máis vellas; o tempo de aprender en e
da comunidade. Os da aldea os atrasados, os da aldea os paletos, os da aldea os
analfabetos..., os tópicos caen. Os da aldea convertíanse, así, en individuos
hábiles e adaptativos, en personaxes polifacéticos que ían á Escola de Ferrado
non só aprender a xuntar letras, senón reforzar o aprendido na comunidade na
que medraban, aprender a sobrevivir, a resistir. Eran, que xa non somos.
A ninguén lle soa
raro que un home traballase no agro, fose carpinteiro e barbeiro á vez, ou que
unha muller traballase no agro, na casa, fose costureira e lavandeira. A
sociedade era rica, rica en xente, rica en vida, rica en cultura do país. Os conceptos de coñecemento e educación eran diferentes. A educación
era cousa da familia, da escola e da comunidade, e todos debían traballar no
mesmo camiño, debían perseguir os mesmos obxectivos. É aquí onde entra a
importancia da Escola do Ferrado, unha escola diferente á institución oficial, a
cal se baseaba no adoutrinamento de España, un lugar de xuntanza da comunidade na que,
aínda que desde os autoprexuízos, se educaba social e culturalmente para vivir
no país ó que pertencían .
As carencias
educativas eran moitas, pero tamén o son hoxe, cando nos parece que estamos
insertos na panacea educativa. Discentes que pasan ata oito horas no centro de
ensino, memorizando palabras e palabras que esquecen en dous días. Cativos que
rompen, como non han de facelo, todo tipo de lazos ca súa comunidade, pois non
hai contacto con ela, ata o punto de dubidar se forman realmente parte da
comunidade social e cultural na que viven e se desenvolven ou forman parte da
comunidade televisiva e mediática en xeral. ¿Que aprenden? Nada. ¿Que non aprenden?...
Especialízanse no estudo porque é o seu deber, ata que cansan e, fartos de non
aprender nada bótanse ó mundo baleiros de contido a loitar contra unha vida que
os desgasta.
Antano contaban co
tempo, reinaba a multiplicidade de coñecementos e, simplemente, adicábanse a
vivir; aprendían un pouco de todo, aprendían a sobrevivir, se ben sen
cuestionarse o sistema no que vivían, conformándose con sobrevivir, culpabilicemos
disto ás carencias cognitivas da súa formación persoal. Pero, e hoxe,
formados como estamos despois de cerca de quince anos de escolarización obrigatoria ¿acaso
non nos conformamos de igual modo?
O tempo..., o tempo
que non teñen os nosos nenos, o tempo que lle quita o sistema educativo porque
valora que é máis importante aprender a facer raíces cadradas ca mergullarse na
propia cultura para entender o mundo que nos rodea. O tempo que nos rouba un
sistema global creado para dar máis, máis beneficios, máis cartos, e máis
rápido. Tan rápido vai, que non nos damos conta do que desaproveitamos, non nos
damos conta que máis horas lectivas non melloran o rendemento, non nos damos
conta que a educación debe estar contextualizada, non nos damos conta que a educación é unha labor colectiva, non nos damos conta de todo o
que estamos perdendo... O tempo.
Non eran perfectas ás Escolas de Ferrado, nin moito menos, pero cumpriron unha importante función no seu momento, e pódena cumprir tamén hoxe tomándoas de exemplo para corrixir algunhas das deficiencias do actual sistema educativo. Un sistema educativo no cal se seguen mantendo os mesmos prexuízos de cara ó medio rural, ó idioma e á cultura propias; xa non unicamente mediante o adoutrinamento senón na práctica, de aí a separación do discente da súa comunidade natural e das sabencias que esta lle pode aportar, rompendo o ciclo de transmisión cultural establecido dentro de cada comunidade.
...constitúen un
dos principais obxectivos do sistema educativo vixente, basicamente porque son
eles os inminentes protagonistas globais, os recursos humanos que terán que
sustentar e perpetuar, ca súa man de obra e os seus coñecementos especializados,
un modelo económico que xa nos vén dado, sen posibilidade de cuestionamentos,
centrado no máximo rendemento produtivo, aínda que isto supoña unha alienación
do individuo a nivel laboral, político, cultural, económico, educativo, ético,
moral, cívico ou social.O
primordial para este entramado do capital éformar
individuos que poidan facer avanzar o Estado no marco da eficiencia económica e
da acumulación de riqueza (non así da distribución da mesma), sen atender a
valores democráticos, condutas tolerantes e convivencias pacíficas e
respectuosas.
Podemos remontarnos ó ano 1923 para remarcar a importancia da educación
infantil. Foi entón cando xurdiu a primeira Declaración dos Dereitos dos Nenos
na que figuraba a educación como un tema clave. Pero non foi ata a elaboración
da Declaración Universal dos Dereitos Humanos (1948), cando o tema comezou a
callar, principalmente, nas institucións gobernamentais e, máis tarde, nas
masas sociais. Así, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos proclamaba
unha educación obrigatoria, gratuíta e de calidade, sen ningún tipo de
exclusión por razón de sexo, cor, clase social... A inclusión deste dereito nos
textos legais estatais e a implantación práctica do mesmo, configurou o actual
sistema educativo.
Sen embargo,
cando falamos da educación formal regulada institucionalmente, nos tempos que
corren, sempre esquecemos os anos da primeira infancia. Aqueles que, a pesares
de a educación non ser obrigatoria, se corresponden cunha das máis importantes
etapas do proceso educativo. É a base a partires da cal o infante irá medrando
nun ou noutro camiño.
Este, a primeira infancia, é o único período que hoxe en día lle é concedido,
con exclusividade, á familia. A evolución do sistema educativo
institucionalizado foi apartando cada vez máis á familia, aínda sendo este un
dos axentes educativos máis relevantes, da formación dos seus fillos.
Atopámonos, pois, cunha educación pensada para que osdiscentes, no seu transcorrer
formativo, precisen cada vez menos a axuda, a perspectiva e as sabencias
parentais, chegando incluso a infravaloralas nesa comparativa ca educación
estandarizada das institucións educativas, que os convencen de que lle ofrecen
o único coñecemento válido.
Estamos, como
podemos ver, nun momento histórico no que as familias traballadoras,
encaixonadas nun modelo capitalista e de consumo que as oprime, se ven
orbrigadas a perder, tamén, este pequeno espazo que lle foi concedido,
deixando ós seus fillos nas mans de persoas que non coñecen(garderías, parentes, veciños, coidadores
profesionais...), que posiblemente non teñan os mesmos valores, as mesmas
pretensións nin as mesmas preocupacións. Xente que educará ó seu xeito,
pragando ós pequenos de estereotipos, prexuízos e hábitos aínda vivos na
sociedade e tamén nas institucións, que se fortalecerán nas póstumas fases
educativas.
A primeira
infancia é a etapa na que se crean os máis fortes lazos parentais, onde o
infante adquire unha base de saberes e valores, onde aprende a priorizar, onde
comeza a asimilar un código ético-moral e, porque non dicilo, político, aínda
que non sexa conscientemente, a partir dos cales se desenvolverá a súa persoa.
Esta é a
proclama que defende a Fundación galega Preescolar na Casa, constituída no 1977, a cal desenvolve unha importante labor no eido da educación non formal, favorecendo a creación de espazos
educativos alternativos, centrándose na educación emocional, na redución das
discriminacións sociais, na defensa da cultura e lingua propias, etc.; e todo
isto partindo do reforzo da competencia educativa familiar. Porque nun mundo
globalizado coma o actual, a defensa das personalidades individuais, a
propagación das educacións personificadas, e o reforzo e desenvolvemento das intelixencias
múltiples, pasan por unha recuperación da familia como axente educativo.