Moi contadas veces batín con alguén que desfrutase
desas longas, cansas, irritantes e mesmo angustiosas xornadas buscando
obrigados presentes para o día especial dun parente próximo, lonxano, dun amigo
ou incluso dun coñecido.
Moi contadas veces batín con alguén que soubese de
antemán que mercar nin en que lugar. É así como nos imos convertendo en
vagabundos e vagamundos dos escaparates e, no mellor dos casos, das rúas e da
xente que pasa ó noso carón, da xente que cruza os nosos camiños, quen sabe se
na mesma busca.
Agora ben, se o afortunado é un dos pequenos
consumidores das novas tecnoloxías, e digo pequenos pola idade e a altura e non
tanto polo pouco que consuman, o noso misto comeza a arder. ¿Que precisan? ?¿de
que carecen? Pois non creo que sexa moi arriscado dicir que entre as horas que
adican ó televisor, as que gastan cara o ordenador, outras tantas que invirten
nos videoxogos e a que botan deitados no sofá experimentado co teléfono móbil,
o ipod y toda la vaina, un libro é un regalo perfecto para aprenderlles a soñar
a través das palabras e das imaxes. E, sobre todo, un libro é o regalo propio
para sorprendelos, pois de certo que nunca contarían con recibir tal.
Unha vez tomada a decisión atopámonos con outro
novo obstáculo. ¿Que lectura será a axeitada? Tendo en conta que falamos dunha xeración
desacostumada do hábito da lectura, de certo que pensaremos que o mellor será
mercarlle unha lectura con recomendación para uns catro anos menos dos que o
afectado teña. É dicir, pensaremos máis en facilitarlle unha vez máis o
traballo e non en crearlle un interese pola lectura.
Foi así, como revisando estantes e estantes de
libros en busca do simple, do comprensible, do facilón, deron os meus ollos co
axeitado. Doulle a volta e miro a sinopse: “
Rebordechao é unha aldea que queda alá por... chegando a... O certo é que non é
doado atopar Rebordechao, nen sequera aínda que a busques. Neste lugar perdido
vive Tonecho, o neno máis bo e máis guapo, o mellor de todos, porque en
Rebordechao non quedan máis nenos ca el”.
Tonecho de Rebordechao, creado por Breogán
Riveiro, comezou a vírseme á cabeza con diversas caras, diferentes idades,
distintos sexos e variopintas nacionalidades. O mundo está inzado de Tonechos
de Rebordechao nos tempos que corren. O abandono do rural, o aínda abundante
exilio ás cidades, rompe cos modos de crianza libres, destros e solidarios das
comunidades rurais e, por riba, non se rexenera nas cidades. Polo que se pode
dicir que estamos a romper, co abandono do rural, un modo de vida comunitario,
de lazos de afectividade, un sentimento de responsabilidade social, axuda e
cooperación. Estamos crebando un modo alternativo de educación, un método que
podería ser hoxe facilmente reutilizado, se o mundo non estivese, claro, inzado
de Tonechos de Rebordechao.
Aínda cunha leve tristeza, cando das co agasallo
perfecto desfrutas, aínda que sexa por un pequeno momento, do pracer da
descuberta, para un mesmo e para aquel que recibirá o presente.
Adicado a tódolos Tonechos e Tonechas de
Rebordechao.
Aquí, en moi pouco tempo produciuse unha ruptura a nivel demográfico, social e cultural na comunidade que non derivou en nada.. e agora sen grupo de identificación de referencia andamos coma Tonechos... acreditando en que cada unha de nós é a máis guapa e a máis boa, e disque andamos tristes e niguén sabe por que.
ResponderEliminar