Se queres ser algo na vida...; e é que eles, os que non puideron acceder a unha educación oficial de calidade, aínda hoxe, a maioría vellos, mostran eses anceios de aprender, e contan a súa historia en dous lances: tristeza e alegría. Tristeza porque non puideron desfrutar dunha educación de calidade coma a das clases máis ricas da sociedade, porque primaba o traballo ante a escola, porque tiveron que sacrificar a súa aprendizaxe en beneficio de toda a familia, e isto impediulles medrar persoalmente e avanzar cara a un futuro distinto. Mais tamén alegría, pois contan cun gran orgullo; a pesares de non acudir á escola máis ca contados días de inverno, aprenderon. Aprenderon as catro regras básicas, sumar, restar, multiplicar e dividir, e aprenderon a ler e a escribir. Pero, sexamos francos, aprenderon co seu empeño, co seu esforzo e co seu interese, aquel que despois dun día de duro traballo animaba a un neno a camiñar só na noite para recibir unhas leccións, para el maxistrais, da man dun mestre diferente ó da escola, o que conformaba a chamada Escola de Ferrado.
Foi a Escola de
Ferrado un axente educativo moi importante no rural galego. Nunha sociedade
rural, marcada pola pobreza, onde as familias eran moi numerosas e o traballo
era moito, era preciso que todos, desde os máis novos ós máis vellos, botasen
unha man; era necesaria a colaboración de todos para poder resistir. As
consecuencias eran duras, pois supoñía prescindir da escolarización dos máis
pequenos impedindo, así, o seu desenvolvemento persoal e, á súa vez, o
desenvolvemento económico e social de toda a comunidade. A sociedade rural
convertíase, deste xeito, nun bucle de pobreza. Agora ben, que isto acontecese non
quere dicir que os individuos da comunidade non valorasen a importancia da
educación. É por isto que, pese á falta de recursos económicos, as familias
interesadas buscaban unha escola alternativa. Nace, así, a Escola de Ferrado.
A Escola de Ferrado
consistía nun sistema de ensino nacido no rural como parche ó absentismo
escolar, e á conseguinte carencia de alfabetización. As familias buscaban entre
os individuos da comunidade aquel que tiña unha mellor preparación, o que sería
o escolante. O escolante era un mestre non titulado que, cuns coñecementos
básicos, lle ofrecía ás familias do rural a posibilidade dunha aprendizaxe
fundamental para os máis pequenos a cambio, iso si, dun pago en especie, un ferrado de trigo,
centeo, millo ou calquera outro produto. Así, durante o inverno, cando o
traballo era menos, o escolante convertíase no educador das infancias da
comunidade.
Son dúas as dimensións
educativas que atendía a Escola de Ferrado. A primeira refírese ó ámbito
académico. O escolante encargábase de ensinarlle ós nenos aquelas cousas que
aprenderían na institución oficial. A segunda dimensión correspóndese co eido
social e cultural. Isto é, o escolante, un veciño da comunidade, da mesma
posición social, que vivía unha mesma realidade trasmitíalle ós alumnos unha
visión do mundo e, sobre todo, dun mundo que eles podían comprender. O mestre
de escola non lograba achegarse ó discente por moitos motivos, partindo do uso
dun idioma que lles era alleo, pasando pola distinción de estatus económico e
social, e a xerarquización da escola. Por outro lado, o escolante lograba
achegarse ós alumnos, habitualmente xa se coñecían de anteman, ademais, usaba o
idioma e o rexistro lingüístico no que se desenvolvía a comunidade e que todos
controlaban. Se ben, hai que deixar claro que esta vantaxe do escolante con
respecto ó docente institucional era algo cirscunstancial, de feito, a
aprendizaxe da lectura seguía a ser en castelán e os discentes seguían
asimilando, a través do escolante, ese odio polo propio e esa enarbolación de
España e o español.
Pese a isto, as
leccións do escolante convertíanse para os discentes nunha aprendizaxe non só
académica, nunha ensinanza onde os rapaces aprendían o que era a vida,
aprendían a desenvolverse nunha realidade feroz, e todo partindo da propia cultura que o escolante transmitía de xeración en xeración coma quen transmite
un conto. O que alí se construía era un bucle de retroalimentación cultural e
vital.
A Escola de Ferrado
dáballe ós máis desfavorecidos a posibilidade de aprender o necesario para
desenvolverse nun mundo en constante avance, nun mundo que camiñaba xa cara a
liña consumista e materialista na que hoxe nos atopamos. Sen embargo, dáballe,
tamén, a posibilidade do tempo, o tempo non escolástico, o tempo para aprender
da natureza, para aprender das xeracións máis vellas; o tempo de aprender en e
da comunidade. Os da aldea os atrasados, os da aldea os paletos, os da aldea os
analfabetos..., os tópicos caen. Os da aldea convertíanse, así, en individuos
hábiles e adaptativos, en personaxes polifacéticos que ían á Escola de Ferrado
non só aprender a xuntar letras, senón reforzar o aprendido na comunidade na
que medraban, aprender a sobrevivir, a resistir. Eran, que xa non somos.
A ninguén lle soa
raro que un home traballase no agro, fose carpinteiro e barbeiro á vez, ou que
unha muller traballase no agro, na casa, fose costureira e lavandeira. A
sociedade era rica, rica en xente, rica en vida, rica en cultura do país. Os conceptos de coñecemento e educación eran diferentes. A educación
era cousa da familia, da escola e da comunidade, e todos debían traballar no
mesmo camiño, debían perseguir os mesmos obxectivos. É aquí onde entra a
importancia da Escola do Ferrado, unha escola diferente á institución oficial, a
cal se baseaba no adoutrinamento de España, un lugar de xuntanza da comunidade na que,
aínda que desde os autoprexuízos, se educaba social e culturalmente para vivir
no país ó que pertencían .
As carencias
educativas eran moitas, pero tamén o son hoxe, cando nos parece que estamos
insertos na panacea educativa. Discentes que pasan ata oito horas no centro de
ensino, memorizando palabras e palabras que esquecen en dous días. Cativos que
rompen, como non han de facelo, todo tipo de lazos ca súa comunidade, pois non
hai contacto con ela, ata o punto de dubidar se forman realmente parte da
comunidade social e cultural na que viven e se desenvolven ou forman parte da
comunidade televisiva e mediática en xeral. ¿Que aprenden? Nada. ¿Que non aprenden?...
Especialízanse no estudo porque é o seu deber, ata que cansan e, fartos de non
aprender nada bótanse ó mundo baleiros de contido a loitar contra unha vida que
os desgasta.
Antano contaban co
tempo, reinaba a multiplicidade de coñecementos e, simplemente, adicábanse a
vivir; aprendían un pouco de todo, aprendían a sobrevivir, se ben sen
cuestionarse o sistema no que vivían, conformándose con sobrevivir, culpabilicemos
disto ás carencias cognitivas da súa formación persoal. Pero, e hoxe,
formados como estamos despois de cerca de quince anos de escolarización obrigatoria ¿acaso
non nos conformamos de igual modo?
O tempo..., o tempo
que non teñen os nosos nenos, o tempo que lle quita o sistema educativo porque
valora que é máis importante aprender a facer raíces cadradas ca mergullarse na
propia cultura para entender o mundo que nos rodea. O tempo que nos rouba un
sistema global creado para dar máis, máis beneficios, máis cartos, e máis
rápido. Tan rápido vai, que non nos damos conta do que desaproveitamos, non nos
damos conta que máis horas lectivas non melloran o rendemento, non nos damos
conta que a educación debe estar contextualizada, non nos damos conta que a educación é unha labor colectiva, non nos damos conta de todo o
que estamos perdendo... O tempo.
Non eran perfectas ás Escolas de Ferrado, nin moito menos, pero cumpriron unha importante función no seu momento, e pódena cumprir tamén hoxe tomándoas de exemplo para corrixir algunhas das deficiencias do actual sistema educativo. Un sistema educativo no cal se seguen mantendo os mesmos prexuízos de cara ó medio rural, ó idioma e á cultura propias; xa non unicamente mediante o adoutrinamento senón na práctica, de aí a separación do discente da súa comunidade natural e das sabencias que esta lle pode aportar, rompendo o ciclo de transmisión cultural establecido dentro de cada comunidade.
Sem comentários:
Enviar um comentário